O Metrosán converte a toda Pontevedra nunha ruta de sendeirismo

[

PONTEVEDRA> Toda Pontevedra pode ser unha ruta de sendeirismo. Así o demostra o concello coa creación de Metrosán, unha rede de máis de 70 quilómetros que ofrece propostas á veciñanza para fomentar a actividade física. Hai percorridos para todos os gustos: espazos urbanos, rurais e naturais, transformando toda a cidade nunha instalación deportiva.

Unha rede de 70 quilómetros lineais de rutas de sendeirismo por diferentes espazos do concello de Pontevedra. Esta é a proposta que nos presenta o Metrosán, pensado para fomentar a actividade física entre a veciñanza.

Son 24 roteiros que van dende os 2 aos 22 quilómetros. Hainos para todos os gustos e niveis, percorrendo espazos urbanos, rurais e naturais. Aproveitando o potencial que ofrece unha cidade como Pontevedra.

O atleta Víctor Riobó colaborou co departamento de Deportes no deseño destas rutas. Ademais, o Metrosán contou tamén coa experiencia doutro coñecido deportista da cidade: Santi Ferrer. El encargouse do contido dos ‘fitpoints’.

Os percorridos poden agruparse en varias zonas: os eixos do Lérez, do Rons, do Camiño, dos Gafos e do Valdecorvos, ademais dos parques forestais do Pontillón, A Fracha e A Tomba. Nestes espazos repartíronse once cilindros que recollen a información xeral e os planos específicos das rutas que percorren esas zonas.