O PP de Boiro demanda maior mantemento das instalacións deportivas do municipio

BOIRO> O PP de Boiro denuncia o mal estado en que se atopan as instalacións deportivas do concello pola falla de mantemento. Ademais das deficiencias que presenta o céspede artificial do campo de Vista Alegre, demandan arranxos nos pavillóns de Abanqueiro, Praia Xardín e o campo de fútbol de Valiño.

Facéndose eco das queixas das familias dos xogadores e das directivas dos clubs deportivos, o PP de Boiro denuncia as numerosas deficiencias que presentan a maior parte das instalacións deportivas do municipio. Destacan o mal estado do campo de herba artificial de Vista Alegre pola falla de mantemento.

Os populares fan especial fincapé na situación en que se atopa o pavillón de Praia Xardín cun muro en risco de derrube tralos últimos temporais.

A lista non remata aquí senón que se refiren tamén ás eivas que presenta o pavillón de Abanqueiro ou o campo de Valiño, no que se executaron uns novos vestiarios cun banco practicamente inservible. Piden ó goberno municipal que tome medidas e asuma o correcto mantemento de todas estas instalacións antes de que haxa que lamentar algunha lesión.