Boiro Novo esixe que se respecte a periodicidade dos plenos

    BOIRO> Boiro Novo volve a insistir na súa crítica ó goberno municipal sobre a periodicidade da convocatoria dos plenos e da súa mala organización. A formación nacionalista considera que o carácter bimensual das sesións tampouco axuda na propia funcionalidade e organización do Concello. Dende Boiro Novo denúnciase novamente a nefasta organización das sesións plenarias. Segundo eles o concello convoca o mínimo de plenos legais permitidos, un cada dous meses. Un número insuficiente, a pesar de ser un concello de preto dos vinte mil habitantes. A situación vese agravada aínda máis, xa que as sesións plenarias son aprazadas sen causa xustificada, desenvolvéndose fóra do seu prazo establecido. Dende Boiro Novo cúlpase directamente ó alcalde, Xoán Xosé Dieste, desta situación. Segundo eles non hai intención por parte del de solucionalo, polo que a propia funcionalidade administrativa do Concello vese afectada.