PONTEVEDRA> Unións Agrarias xa pensa na vendima. O sindicato pedirá mañá ante a Consellería de Medio Rural a convocatoria urxente da Mesa do Viño, para fixar as condicións ás que se terán que axustar viticultores e adegas. O obxectivo: chegar á vendima con contratos asinados que contemplen o encarecemento da produción de uva.
Unións Agrarias quere marcar a dinámica que marcará o traballo da vendima deste ano. O sindicato reclama que nesta campaña os viticultores coñezan por adiantado as condicións nas que poderán vender a súa uva. Unhas condicións que, ademais, terán que reflectir a situación actual do viñedo e do mercado.
Segundo os cálculos de Unións Agrarias, o prezo de venda de uva debería situarse no euro con 35 céntimos por quilo. Esta contía marcaría un mínimo, a partires do cal viticultores e adegas deberían negociar as condicións.
Mañá, Unións Agrarias solicitará na Consellería do Medio Rural a convocatoria urxente da Mesa do Viño. A intención do sindicato é comezar a negociar coas adegas. Neste diálogo danse un prazo máximo de quince días antes do arranque da vendima e, se non chegan a acordos, tomarán medidas legais.
Os datos que manexa Unións Agrarias fixan a caída da produción entre un 20 e un 25%. Pola contra, os custos de produción aumentarían ata un 40%, debido á necesidade de realizar máis aplicacións de fitosanitarios.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/07xullo/20/uxt_vendima.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/07xullo/20/uxt_vendima.mp4{/flowplayer}