Un fórum internacional reflexiona en Pontevedra sobre cidades saudables

Pontevedra> Pontevedra acolle dende hoxe ata o venres un encontro internacional  sobre cidades saudables. O terceiro Fórum RIES18 abordará os retos e oportunidades das urbes para mellorar os seus ecosistemas de saúde. O alcalde de Pontevedra deu a benvida ós poñentes do foro nunha recepción celebrada esta mañá no concello.

O III Fórum RIES18, organizado polo Clúster Saúde de Galicia, reunirá en Pontevedra  dende hoxe ata o venres a máis de 300 expertos.

Entre os poñentes destaca Carlos Moreno, investigador da Sorbona, presidente da InTi, Innovación, Tecnoloxía e Investimento, e asesor da alcaldía de París. O profesor, acompañado doutros representantes do foro, foi recibido esta mañá no concello, onde gabou o modelo de cidade que representa Pontevedra.

Nesta visita á Boa Vila, Carlos Moreno volverá falar de cidades intelixentes, humanas, vivas, saudables e resilientes.

Falará do caso concreto de París, que está a repensar o seu modelo urbano co obxectivo fundamental de frear o cambio climático.

Despois da recepción, o alcalde ofreceu unha visita guiada pola cidade a Moreno e outros poñentes do Fórum.