Portos conclúe a ordenación do peirao ribeirense a pesar do desacordo da confraría

    RIBEIRA> Portos de Galicia vén de dar por rematado o Plan de Ordenación das embarcacións pesqueiras no peirao de Ribeira. Unha demanda histórica do sector, que despois de varios anos e distintas fases está concluída. Aínda así dende o pósito ribeirense considérano insuficiente, aludindo a que aínda quedan cousas por facer. A ordenación das prazas de amarre das embarcacións da terceira lista na dársena de Ribeira deuse por concluída coa instalación de novos fingers que permitirán uns 200 amarres. Tratábase dunha vella demanda dos profesionais do mar que dende hai tempo viñan reclamando esta actuación. Aínda así dende a confraría ribeirense consideran que queda moito por facer. Entre outras actuacións aluden á necesidade de dotar tamén dunha zona de amarre en condicións para os barcos do polbo que se sitúa ó outro lado da dársena, a carón do porto comercial. Outra das demandas nas que inciden, tamén de vello, é a necesidade de dotar de vixilancia o porto, principalmente de noite, para evitar roubos ou sabotaxes a embarcacións. Dende o pósito ribeirense síntense ademais discriminados en relación con outros peiraos da zona, a pesar de ser o porto de descarga en peixe fresco de toda a comunidade, como avalan as últimas cifras facilitadas por Portos.