Controlado o incendio da Curota tras unha longa noite de loita contra o lume

    POBRA> Manténse o Nivel 2 no incendio do Barbanza orixinado en Porto do Son o pasado mércores. Aínda que o lume está controlado as lapas alcanzaron esta noite os concellos de Ribeira e A Pobra, e un camping de Oleiros tivo que ser desaloxado. Ata o momento contabilízanse xa máis de 1000 hectáreas arrasadas. Durante esta noite o Barbanza as lapas continuaron avanzando polo Barbanza. O lume que atacaba ás parroquias sonenses de Xuno, Caamaño e Queiruga avanzou ata os concellos de Ribeira e Pobra chegando ao monte da Curota. No día de hoxe as lapas deixaron de expandirse de xeito tan virulento debido a que baixou o vento, polo que a situación é máis estable. Un dos puntos quentes foi o Hospital do Barbanza. Aínda que finalmente non houbo que lamentar danos, o traballo centrouse en evitar que as lapas se achegasen e o fume afectara aos pacientes ingresados. Outro dos focos foi este Camping Ría de Arosa 2, en Oleiros. Os 800 usuarios que desfrutaban das súas vacacións aquí, foron desaloxados pola tarde. As lapas rodeaban o camping, e ante o perigo de que chegasen ás instalacións turísticas, os clientes foron evacuados e realoxados entre a Casa de Xuventude de Ribeira e o Pavillón de Artes. Neste último pasaron a noite unhas 70 persoas. Manuel rexenta o restaurante do Centro Recreativo de Artes, e pasou toda a noite atendéndoas. Estas dúas familias, procedentes de Bilbao, pasaron a noite aquí en Artes. Aínda lles quedaba unha semana de vacacións no Camping de Oleiros, pero tralo vivido esta noite, do cal prefiren non falar ante as cámaras, decidiron recoller as súas pertenzas para volver ao País Vasco. Para o propietario do Camping, isto supón un duro golpe xa que hoxe comeza unha longa fin de semana con ponte incluida. E non conta con que regresen ao camping nin a metade dos 800 clientes. A un quilómetro deste Camping de Oleiros, e ao mesmo tempo que se desaloxaba aos usuarios, os veciños da parroquia de Balteiro loitaban, unha vez máis, para o lume non chegara ás súas casas. Aínda que estivo moi preto, finalmente, non houbo que lamentar danos en ningunha das vivendas. Este veciño de Balteiro arranxaba a instalación da auga da súa casa. Unha pa cortalumes deixounos sen suministro mentres impedía de madrugada que o lume arrasara a vivienda. Ramona é veciña de Humberto, ten a súa casa uns metros máis para arriba. Esta mañá, aínda tiña o susto no Corpo. Aínda que a Ramona tamén lle aconsellaron desaloxar o seu fogar, ela…non o fixo. No lugar do incendio levan traballado 4 técnicos, 29 axentes, 61 brigadas, 32 motobombas, 3 pas, 11 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. Efectivos que conseguiron que finalmente este veciños non perderan as súas vivendas, pero a imaxes do lume ameazando toda unha vida, será difícil de esquecer.