BOIRO> Con pancartas nas que podía lerse ‘O monte do Chazo patrimonio de tod@s’ ou ‘Non hai maior beleza que a da natureza’, un cento de veciños da parroquia de Abanqueiro concentráronse este pasado sábado pola mañá ás portas do Concello para protestar pola construción dun cámping no monte do Chazo.
A deste sábado non é a primeira mobilización que levan a cabo. Xa fixeron outro acto de protesta o pasado 1 de xullo na zona en cuestión na que pretende realizarse o proxecto.
Dende a plataforma de afectados non se opoñen a súa construción, pero si ó lugar escollido para levala a cabo, ó considerar que se trata dun espazo de gran valor paisaxístico e mediambiental.
Á par da concentración, continúan tamén coa campaña de recollida de sinaturas en contra do proxecto, na que xa levan recollidas mais de catro mil firmas.
O próximo paso do colectivo veciñal é a reunión que teñen concertada para este próximo xoves co alcalde, José Ramón Romero.
Alí intentarán recadar máis información sobre o proxecto, sobre o que din hai bastante escurantismo e trasladarlle tamén ó rexedor o seu malestar por toda esta situación, tratando de recadar o seu apoio para a causa.











