O mexillón volve convertese na estrela gastronómica de Cabo de Cruz

    BOIRO> Centos de persoas volvéronse a dar cita esta pasada fin de semana en Cabo de Cruz para asistir á festa de exaltación do mexillón, que este ano acadou a súa décimo quinta edición. Os asistentes puideron desfrutar das máis diversas preparacións deste molusco, aínda que a estrela, unha vez máis volveu ser a receita tradicional: o mexillón ó vapor. A festa do mexillón de Cabo de Cruz volveu a congregar nesta localidade boirense a centos de persoas, converténdoa nunha das citas gastronómicas máis multitudinarias de toda Galicia. Dende a organización da festa, na que ademais do concello, colaboran as asociacións de mexilloeiros Amebarraña, Virxe do Carme de Abanqueiro e a Asociación a Marxa, destacouse o éxito acadado nesta edición. Á cita tampouco faltou este ano o presidente da Deputación da Coruña, entidade que colabora tamén na organización desta cita gastronómica. En total servíronse máis de catro mil quilos de mexillón, e catro foron tamén as especialidades que puideron degustarse nesta edición. Ademais das receitas tradicionais de ó vapor ou empanada, con dúas novidades, en ensalada e humus. Ademais dos veciños de Boiro e arredores acudiron á cita festiva moitos visitantes, algúns que desfrutaban da festa pro primeira vez e outros que xa son auténticos habituais da exaltación do mexillón.