A Garda Civil organizará batidas veciñais na busca de Diana Quer

    POBRA> A Garda Civil pide a colaboración cidadá para realizar batidas na procura de Diana Quer. Oito días despois da desaparición da moza madrileña na Pobra, as incógnitas sobre o que lle aconteceu ese día continúan sen aclararse, aínda que nestes momentos xa se desbotan algunhas das liñas de investigación abertas ata o momento. Foi o pai da rapaza desaparecida, Juan Carlos Quer, o que confirmaba aos medios que debido ao tempo transcorrido e ás pesquisas realizadas ata o de agora, todo apunta a que dúas liñas de investigación son as que terían neste momento máis peso. Todas, hipóteses sen confirmar.. Novos testemuños nas últimas horas aseguran que a moza continuou no centro da Pobra, onde se celebraban as festas, media hora despois da inquietante mensaxe da whatsapp na que alertaba de que se sentía perseguida. Aínda así, estas aportacións parece que non son concluíntes para determinar o que lle aconteceu á rapaza. Tamén se soubo que o teléfono móbil de Diana tivo actividade despois das 2.40. O foco da investigación está posto nos movementos da moza nas últimas horas desa noite, do 21 ao 22 de agosto. As labores de busca continúan. E desde a Garda Civil, tal e como publicaron desde o Concello da Pobra, solicitan voluntarios entre os veciños para realizar batidas este xoves, e probablemente, o venres, na procura de calquera pista que axuda a atopar a Diana. Mañá ás oito e media da tarde, os interesados en colaborar poden asistir á reunión informativa que se celebrará no consistorio pobrense. AS recomendación básicas son: estar nunha forma física aceptable, levar roupa axeitada para o monte e un chaleco fluorescente. A diferenza doutros días, a nai de Diana non quixo facer declaracións hoxe ante as cámaras. Asegurounos que nestes momentos, o que está a agardar é un milagre de Deus, e que prefería agora quedarse orando na casa polo regreso da súa filla.