O concello de Rianxo busca financiamento para rehabilitar o Pazo do Martelo

    RIANXO> O executivo rianxeiro está a elaborar un proxecto para a restauración do edificio do Pazo do Martelo, onde se sitúa a biblioteca municipal. A actuación precisa do informe favorable de Patrimonio ó tratarse dun ben catalogado coma de interese cultural. Dende hai anos o executivo rianxeiro ten en mente a realización dun ambicioso proxecto de rehabilitación no Pazo do Martelo, un dos inmobles máis representativos do Concello, situado na praza Rafael Dieste, e que actualmente acolle a biblioteca. A oficina municipal de rehabilitación está a elaborar un proxecto para tal fin, e posteriormente o concello agarda poder recadar os fondos necesario para acometer a dita mellora do inmoble. Unha das propostas que baralla o executivo pasa tamén por poder instalar nel un ascensor para mellorar a súa accesibilidade. Ó tratarse dun edificio catalogado coma Ben de Interese Cultural deberá dispor tamén do preceptivo informe favorable de Patrimonio.