A Pobra incorpora catro novos axentes ao corpo da Policía Local

POBRA> Con estas novas contratacións o equipo de goberno pretende paliar o déficit de axentes que presentaba o cadro de persoal da Policía Local dende hai uns anos.

A Pobra vén de reforzar o cadro de persoal da Policía Local con catro novos axentes, dous homes e dúas mulleres. Esta mañá tomaban posesión do seu cargo nun acto celebrado no salón de plenos, e que contou coa presenza das autoridades locais, entre elas, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, o edil de Seguridade, José Andrés Lojo, e o xefe da Policía Local, Xosé Manuel Cameán.

Todos eles felicitaron ós novos axentes desexándolle os maiores éxitos no desempeño das súas funcións.

A incorporación dos novos axentes foi posible despois de superar o proceso selectivo e un curso da Academia Galega de Seguridade.

O número de axentes na Pobra ascende agora a un total de dez, contando un que se atopa en comisión de servizo noutro concello e tamén a praza do propio xefe do corpo.

Un número de policías, a todas luces, aínda insuficiente, pero que permitirá mellorar o servizo que se viña prestando ata o de agora ós veciños, redobrando así a súa presenza na rúa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí