Conclúen sen éxito as primeiras batidas na procura de Diana Quer

    POBRA> Continúan as batidas cidadás pola Serra do Barbanza na busca de Diana Quer. Esta mañá outro 30 voluntarios, acompañados de efectivos da Garda Civil e Protección Civil rastrexaron os arredores do Monte Curota. Un día despois de coñecer a retirada da custodia da filla pequena á nai de Diana, a muller asegura sentirse destrozada. “Estou bastante afundida, triste e destrozada. Ter o que máis queres lonxe de ti é o peor sufrimento, pero ter á túa filla lonxe e non saber se está viva, non se pode explicar con palabras”. Son algunahs das frases que Diana López-Pinel, a nai da moza desaparecida na Pobra, relatou nunca misiva enviada aos medios, ao día seguinte a que lle retirasen a custodia de Valeria, a irmá pequena de Diana. Con respecto a este tema, na mensaxe a nai afirma: “Diana é unha nena todo corazón, e agora non está, Nin sequera neste momento de ausencia poden determinadas persoas deixar unha guerra que nunca debería ter existido que fixo tanto dano?”. É o sentir dunha nai que hoxe, de novo, aínda que continúa na Pobra, non quixo facer declaracións ante as cámaras. Tampouco o pai de Diana, que onte nos comentaba que a relación coa su ex muller, é de distanciamento, pero de respecto. Mentres a familia trata de sacar forzas para continuar a busca da súa filla, coa esperanza aínda de que apareza con vida, este venres subían ao monte da Curota un novo grupo de voluntarios para realizar as batidas de rastrexo. En total 60 persoas, 30 veciños, acompañados por outros 30 efectivos de Garda Civil e Protección Civil. Desde Protección civil aseguran que é o dispositivo de busca máis extenso organizado na zona. Cando se van cumprir 12 días da desaparición de Diana Quer, hoxe, segue sen haber ningunha pista contundente sobre o seu paradoiro.