Beatriz Molinos releva a Carlos López Crespo á fronte do concello de Outes

    OUTES> Beatriz Molinos xa exerce como nova alcaldesa de Outes. A nova rexedora recibiu nun pleno extraordinario o bastón de mando do seu antecesor, Carlos López Crespo, que abandona a alcaldía despois de 21 anos para concorrer coma número once das listas do Partido Popular pola Coruña ós próximos comicios autonómicos. Foi un día especial para moitos veciños de Outes. De emocións enfrontadas. Por unha banda poñíase o punto e final a unha longa etapa de máis de 21 anos de Carlos López Crespo á fronte da alcaldía, e pola outra abríase un novo camiño no concello co seu relevo por parte da que ata o de agora era a súa número dous, Beatriz Molinos. Á sesión de investidura presentáronse dous candidatos. A do cabeza de lista de CxG, Manuel González, e a da propia, Beatriz Molinos, do PP. O primeiro contou unicamente co respaldo dos seus compañeiros de formación, mentres que a popular foi elixida polos oito concelleiros do PP e tamén polo edil do Partido Socialista. Na súa primeira intervención, despois de recibir o bastón de mando do anterior alcalde, fixo alusión ós seus comezos na política, da man precisamente do seu antecesor no cargo. Pola súa banda o xa exrexedor, desexoulle moita sorte nesta nova etapa, brindándolle o seu apoio e tamén a de todo o grupo municipal. Dende a oposición valorouse de xeito desigual o cambio.