Comezan as melloras na gardería e centro de día de Praia Xardín

    BOIRO> Hai varias semanas iniciábanse diversas actuacións no edificio que alberga o centro de día e a gardería de Boiro en Praia Xardín. A finalidade dos traballos non é outra que rematar definitivamente cos problemas de filtracións e humidades neste inmoble. A actuación cun custe duns 60 mil euros será financiada pola consellería de Política Social e terá un prazo de execución dun mes aproximadamente. O alcalde, Xoán Xosé Dieste e o arquitecto municipal, Emilio Piña, supervisaban as obras que se están a levar a cabo actualmente no edificio que alberga o centro de día e a gardería de Boiro en Praia Xardín. A actuación era unha vella reclamación do executivo boirense coa finalidade de poñer punto e final a unha serie de eivas que presenta o inmoble debido as filtracións e humidades derivadas dunha deficiente construción. A obra será posible grazas a unha subvención da consellería de Política Social por un importe que se achega no seu total ós sesenta mil euros. A actuación consiste basicamente na instalación dun novidoso sistema de illamento exterior que permitirá eliminar as humidades e filtracións de auga que afectan ó edificio. Ó mesmo tempo estase a desenvolver tamén outra actuación no interior da gardería coa finalidade de adaptala ás novas normativas de seguridade e habitabilidade. As obras neste caso serán sufragadas ó 100% polas arcas municipais, cun custe aproximado duns 20 mil euros.