O concello de Ribeira trasladaralle á Xunta as necesidades dos centros educativos

RIBEIRA> Dende o concello de Ribeira sumáronse á concentración da ANPA do Grupo en sinal de apoio ás reivindicacións de toda a comunidade educativa. Anunciaron ademais que se porán en contacto coa Consellería de Educación para trasladarlle as necesidades que presentan tódolos centros do municipio.

Ademais dos recortes de persoal, o alcalde referiuse tamén á paralización de obras  e proxectos que redundarían nunha maior calidade educativa. Entre elas, a posta en marcha do ascensor do módulo de infantil que carece aínda da certificación de Industria ou a reforma do antigo edificio da comisaría para dispor de novas aulas no Grupo.

Dende o goberno ribeirense lembran que o CEIP O Grupo non é o único afectado polos recortes senón que outros centros como o IES Número 1 de Ribeira leva anos sufrindo baixas no seu cadro de persoal.