O festival Tosta achega a Rianxo o mellor da música tradicional

    RIANXO> Rianxo acollerá esta próxima fin de semana o Festival Tosta. A actividade, que chega á vila rianxeira despois de percorrer varias comunidades atlánticas, inclúese dentro do programa Donostia Capital Europea da Cultura 2016. Está promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña. Guadi Galego, De Vacas ou Xurxo Souto serán algunhas das propostas do programa do Festival Tosta que recalará en Rianxo os próximos días 9, 10 e 11 de setembro. Trátase dun encontro cultural promovido a nivel Galicia dende a Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña, aínda que participan tamén outras entidades doutras zonas atlánticas como poden ser Escocia, Irlanda ou Gales. O obxectivo: a reivindicación daquelas culturas en linguas minorizadas como é o galego. Na presentación do festival tamén participou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, que agradeceu á organización que pensara en Rianxo para poñer fin ao periplo do festival itinerante nunhas datas de especial relevancia para a localidade xa que coincide coa celebración das festas da Guadalupe. O festival iniciarase o venres día 9 de setembro cun programa que incluirá a participación de Xurxo Souto, Quico Cadaval e a Banda Tosta, coa galega Mónica de Nut. Para o sábado día 10 está prevista a intervención de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel ademais dun obradoiro infantil. Para a xornada final do domingo está prevista a actuación de Magín Blanco, Belén Tajes, Guadi Galego e De Vacas.