Corrubedo acollerá o primeiro campionato de pesca en rocha da comarca

    RIBEIRA> O entorno do faro de Corrubedo en Ribeira será escenario este domingo do Campionato de Pesca dende Rocha a Fondo. Na iniciativa, totalmente novidosa na comarca, xa hai inscritos unhas cincuenta persoas. O Campionato, o primeiro destas características que se celebra na comarca do Barbanza, está organizado polo Club Pesca Deportiva Nordés, en colaboración co propio concello ribeirense. Desenvolverase este próximo domingo no entorno do faro de Corrubedo. O presidente do club Nordés, Víctor Ferreiro, agradeceu tamén o apoio do Concello e tamén das diversas firmas colaboradoras, que fixeron posible a realización do Campionato. A organización destinará a premios máis de 1.500 euros. A día de hoxe hai xa 52 persoas apuntadas pero as inscricións seguen abertas ata o sábado. Os interesados poden chamar ao 607 594 465 ou ao 622 054 231. O prezo por participar son 20 euros. Entre os que xa confirmaron a súa presenza hai pescadores de distintos puntos de Galicia como é o caso de Ferrol, A Coruña, Costa da Morte, Pontevedra ou Vigo, e tamén de fóra da Comunidade, como é o caso do País Vasco e mesmo de Portugal. O campionato terá ademais un carácter solidario xa que todas as capturas da xornada serán destinadas a entidades benéficas.