O xulgado de Ribeira prorroga o segredo de sumario do caso Diana Quer

    RIBEIRA> O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira, que investiga o caso da desaparición da moza madrileña Diana Quer, decide prorrogar o segredo de sumario das actuacións un mes máis. Esta semana cumpriráse un mes desde que se lle perdera a pista á rapaza, cando de madrugada regresaba á súa casa da Pobra. A instrución da desaparición de Diana Quer, que permanece baixo segredo sumarial desde o día da desaparición, o pasado 22 de agosto, cumpre esta semana un mes. Ese é o tempo polo que se acorda o segredo nas actuacións. Pasado este tempo, o Xulgado decide se o prorroga ou non. Tal e como nos confirmaron fontes xudiciais, no caso da xuíza do Numero 1 de Ribeira, que leva este caso, decidiu xa este venres alongar un mes máis a discreción sobre a investigación co fin de non poñer en risco a mesma. A medida establécese para evitar a contaminación ou destrución de probas por parte dun eventual sospeitoso. Cando se vai cumprir un mes da desaparición de Diana, a Garda Civil continúa sen unha liña definida de investigación, aínda que todo apunta a que se vai estreitando o cerco. A moza puido subir a un vehículo esta madrugada, pero o único probado é que o seu teléfono móbil foi detectado polos repetidores da zona do polígono da Tomada e pérdeselle o sinal no municipio de Rianxo, a uns 20 quilómetros da Pobra. Ao lento avance na investigación únense os conflitos familiares do entorno de Diana. O pasado venres a súa nai, Diana López Pinel, comparecía ante o xulgado número dous de Ribeira como investigada, por outro caso distinto, a custodia da súa filla menor que lle retiraron ao pouco de desaparecer Diana, en favor do seu ex marido.