Rosa Quintana gaba o labor de ANMUPESCA na presentación da súa nova web

BARBANZA> A Conselleira do Mar presidiu o acto de presentación da nova páxina web da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca. Trátase dun novo espazo dixital que servirá como ferramenta para aglutinar o traballo e saberes das numerosas entidades que conforman esta asociación.

A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) naceu co obxectivo de dar visibilidade ó labor diario das mulleres do mar así como á súa importante contribución ó sector pesqueiro. Na actualidade, aglutina a unha vintena de asociacións do sector como armadoras, redeiras e mariscadoras, traballadoras todas elas en oficios directamente relacionados co mar e que só en Galicia roldarían as seis mil profesionais.

Coa creación desta nova web pretenden contar cun espazo dixital de intercambio de ideas e experiencias co fin de impulsar o seu liderado e participar de xeito activo nos órganos representativos e consultivos do sector.

A creación da entidade, xurdida ó abeiro de Cepesca, foi posible grazas ó programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.