Continúa o rastrexo de matrículas e móbiles na procura de Diana Quer

    POBRA> A Policía Xudicial e a UCO seguen cotexando matrículas e datos de teléfonos móbiles para coñecer con quen puido subir a un vehículo Diana Quer a noite da súa desaparición. Cando se vai cumprir un mes desde que se lle perdeu a pista, os investigadores podería pechar o círculo nuns 100 condutores. Un día despois de coñecer a prórroga, durante un mes máis, do segredo das actuacións no caso da desaparición de Diana Quer, o delegado do goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou que os investigadores están á espera da concreción das probas realizadas pola Garda Civil. De tódalas actuacións que se fixeron nestas semanas, tanto nos lugares “in situ” como repetición de entrevistas que contradín ou ratifican declaracións anteriores do entorno da moza, hai que agardar agora a súa análise, ao mesmo tempo que se esperan novas probas que se poidan aportar. Os equipos están centrados, segundo Villanueva, na localización do móbil de Diana esa noite, na doutros teléfonos da zona, na análise de vehículos e matrículas, e na testemuña de amizades e familia. Precisamente, a familia, finalmente non terá que volver declarar, de momento, ante a xuíza que instrúe o caso da desaparición, a titular do Número 1 de Ribeira. Aínda que nun primeiro momento estaban citados, pai e nai de Diana, a decisión foi revocada a semana pasada por entender a maxistrada que non resultaba operativo tomar declaración polo de agora. Hoxe tamén coñecemos, a través de fontes xudiciais, que a xuíza de Número 2 de Ribeira, que levaba o caso da custodia da irmá menor de Diana, notificou un auto polo que se inhibe en favor dos Xulgados de Pozuelo de Alarcón, ao entender que son os competentes, posto que os feitos que se investigan terían comezado nesa localidade.