BOIRO> O executivo boirense presentou en Madrid, no Instituto da Mocidade, entidade dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, o proxecto Innova-X: Innovación e novas oportunidades.
O alcalde, José Ramón Romero, e o edil de Servizos Sociais, Raúl Treus, presentaron hai uns días en Madrid este proxecto á directora xeral do Instituto da Mocidade, dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, María Teresa Pérez Díaz.
A proposta coa que o Concello busca ofrecer un programa integral de inclusión social, laboral e de formación para persoas de entre 18 e 25 anos: mozos extutelados pola Administración, que veñen de centros de menores ou pisos compartidos, e mozos que proveñen de familias de risco e situación de vulnerabilidade. Todos eles, sen ningún tipo de recurso ó cumprir a maioría de idade.
Segundo explicaron fontes municipais este proxecto cumpre con 11 dos 17 obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, ó tratarse dun proxecto innovador e sen precedentes en materia de sostenibilidade, igualdade, saúde e benestar e convérteo nun proxecto ambicioso, cun ámbito xa supramunicipal.