Traballadores dos centros de discapacidade esixen un convenio galego para o sector

    NOIA> Entre outras cuestións pretenden que se poña fin á precariedade laboral que padece este colectivo. Ó redor duns vinte traballadores de diversos centros de atención a persoas con discapacidade da asociación A Creba na comarca concentráronse esta mañá diante das instalacións da entidade no polígono de Augalevada, en Noia. A mobilización súmase a outras accións levadas a cabo hoxe tamén en toda a comunidade por persoal deste tipo de centros, xestionados na súa maioría por organizacións e entidades sen ánimo de lucro e financiados maioritariamente con cartos públicos. Con ela queren reivindicar melloras salariais e laborais e a negociación dun convenio galego de sector que poña fin á precariedade que padece o sector. Apoiando ós traballadores na concentración tamén participaron representantes do sindicato CIG, que incidiron na necesidade de negociar un convenio galego. O responsable de CIG-Ensino, Anxo Louzao, foi máis alá e aludiu á responsabilidade da Xunta neste asunto, xa que entre un 60 e un 90% dos orzamentos que xestionan estas entidades proceden de diñeiro público. Os propios traballadores aseguraron que non pararán nas súas reivindicacións ata que non se cumpran estas demandas. Nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia podería haber máis dun cento de traballadores afectados.