O tripartito paraliza as obras de peonalización ante o descontento dos veciños

    BOIRO > As numerosas queixas realizadas polos veciños da rúa Estatuto de Galicia de Boiro que non están satisfeitos co resultado das obras de peonalización que se levan a cabo, levaron o executivo local a ordea-la súa paralización. Actualmente técnicos municipais están a elaborar un informe para determinar que zonas deben volver a ser acondicionadas.

    boiro_300_180506.jpgA maioría dos veciños da zona critican a lentitude das obras, así como o seu resultado, xa que algúns dos tramos xa executados presentan numerosas deficiencias como o feito de que algúns dos adoquíns colocados atópanse levantados o que vén a ocasionar importantes molestias para os peóns que habitualmente empregan esta zona.

    Os veciños sinalan ademais que o estado da rúa irá empeorando co paso do tempo e coa chegada da chuvia nos meses de inverno.

    A tardanza coa que se están a executar os traballos de acondicionamento da rúa tamén é o branco das críticas dos boireses que consideran que xa deberían estar rematadas.

    Dende o executivo sinálase que xa se ten coñecemento destes problemas, proba diso é que actualmente técnicos municipais están a elaborar un informe para determinar que zonas deben volver a ser acondicionadas.

    En canto á tardanza coa que se acometen as obras, o tenente-alcalde boirés explicou que se trata dunha actuación complexa e que require bastante tempo ó ter que levanta-las tubaxes da rede de saneamento e canaliza-lo alumeado. Neste sentido, solicita ós veciños paciencia e colaboración agardando o remate das obras.

    Ares González recoñeceu ademais que foi o propio concello o que ordeou a paralización dos traballos ó comprobar que o resultado final non era o máis óptimo, tratando de buscarlle unha solución satisfactoria para todos, xa que son uns dos máximos interesados en que as obras conclúan. Polo momento, ós veciños máis afectados que non poden acceder ós seus garaxes o concello está a facilitar prazas de aparcamento de titularidade municipal para minimiza-las molestias.

    Redacción Barbanza