A Conselleira do Mar destaca o peso da industria conserveira do Barbanza

    POBRA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou na Pobra do Caramiñal dúas empresas punteiras ligadas ó sector conserveira como son Actemsa e Luís Escurís Batalla. Durante a visita destacou o peso desta industria en Galicia, que sitúan á nosa Comunidade no segundo posto a nivel mundial na fabricación de conservas, sendo un referente. A primeira das paradas tiña lugar nas instalacións de Actemsa, firma dedicada ó procesado de túnidos e á importación e exportación de peixes, mariscos e cefalópodos. Acompañada do presidente e fundador da empresa, Severino Escurís, do Consello de Administración e tamén das demais autoridades que a acompañaron na visita, entre eles o propio presidente dos Empresarios do Polígono da Tomada, Manuel Durán, a titular do Mar realizou un percorrido polas instalacións, para coñecer de primeira man a actividade desta empresa, formada por unha plantilla duns 250 traballadores e cunha facturación ó peche do ano 2015 próxima ós 110 millóns de euros. Dende a Xunta destacouse o peso desta industria, na que Galicia é un referente a nivel internacional, dando emprego de xeito directo e indirecto a moitas persoas. A seguinte parada foi na conserveira Luís Escurís Batalla. Alí mantivo un breve encontro cos responsables da firma, para de seguido visitar as instalacións da factoría, dedicada a elaboración de conservas de xeito totalmente artesanal. Foi precisamente este un aspecto no que incidiu a titular de Mar, poñendo como exemplo a esta conserveira que aposta pola calidade e polos produtos do mar galegos que se comercializan ademais co selo ‘Galicia Calidade’. Na actualidade a conserveira Luís Escurís Batalla dá emprego a unhas 120 persoas. Durante o pasado ano a firma acadou unha facturación total próxima ós sete millóns de euros, unha cantidade que agardan poder superar ó remate do presente exercicio.