Usuarios do servizo non urxente de ambulancias denuncian desatención

    carenciaservizoambulancia_100_14102009.jpgBARBANZA> Sanidade suprimiu parte dos traslados deixando diariamente na casa a cincuenta doentes que percisan acudir aos centros hospitalarios.

    A Consellería de Sanidade reduciu parte do servizo non urxente de ambulancias que opera na Barbanza obrigando a empresa Egara a cumprir o convenio que estipula cento corenta traslados ao día a centros hospitalarios. Esta circunstancia deixa diariamente na casa a unhas cincuenta persoas que ata hai uns días eran usuarias deste servizo.

    {flowplayer}/barbanza/carenciaservizoambulancia.flv{/flowplayer}

    Os afectados pola supresión do servizo de transporte non urxente en ambulancia na Barbanza son algo máis que unha cifra. Detrás dos números agóchase unha historia persoal que a Administración parece estar a obviar.

    Un exemplo disto é Mari Carmen Hermo, unha veciña de Cabo de Cruz, en cadeira de rodas por unha paraplexia, que ten que realizar continuos desprazamentos ao Hospital Clínico de Santiago para consultas con distintos especialistas. O pasado día cinco de outubro, a ambulancia, malia ter a cita concertada, non se presentou a recollela.

    Graves prexuízos

    O que máis indigna a MariCarmen é a desinformación e a descoordinación por parte da Dirección Provincial do Sergas, ao non avisar aos afectados da supresión do servizo. O prexuízo é enorme: perdas de citas médicas que non se concertan ata meses despois, molestias á familiares e amigos, traslados en vehículos que non están adaptados ás necesidades dos doentes, longas esperas e gastos innecesarios.

    O caso de Xosé Anxo Yañez é ainda, se cabe, máis sangrante. Este veciño de Abanqueiro, con obesidade mórbida, amputado das dúas pernas e que precisa osíxeno, recibiu o mesmo trato por parte do Servizo Galego de Saúde. A pasada semana estivo esperando unha ambulancia asignada que nunca chegou. Esta cancelación, da que non o avisaron, fíxolle perder unha cita co neumólogo, pola que levaba agardando dende hai un ano e catro meses.

    Estes dous casos reflicten unha realidade que non só se está a dar na Barbanza, senón tamén noutras comarcas galegas. Dende a Consellería de Sanidade indicaron que o servizo estase xa reforzando. Pero, de momento, nin Mari Carmen nin Xosé Anxo recibiron unha chamada para confirmarlle que terán unha ambulancia disponible a vindeira vez que precisen acudir a un centro médico.

    Redacción Barbanza