Búscanse pistas de Diana en vivendas de Taragoña

    RIANXO> A ausencia de pistas nas batidas realizadas ao aire libre, abre a hipótese de que a desaparición de Diana Quer tivese como escenario clave unha vivenda preto do lugar onde se lle perdeu a pista.

     

    Ademais, estanse revisando as imaxes das cámaras de vixilancia da zona e tamén se soubo que un equipo de buzos rastrexou o porto de Taragoña. De aquí procede o último sinal do móbil de Diana Quer. Desaparecida o pasado 22 de agosto na Pobra, o seu caso leva varias semanas, e nos últimos días de xeito máis evidente, apuntando a unha zona moi concreta da comarca do Barbanza.Trátase de Taragoña, onde o seu teléfono foi captado po última vez, é unha parroquia do concello de Rianxo, de algo máis de 2.000 habitantes, situada a uns 20 quilómetros da Pobra, onde se lle perde a pista a Diana a noite da súa desaparición. Agora pénsase que Diana podería ter parado nunca casa desta localidade esa madrugada, guiada pola mesma persoa que a trasladaría alí en coche desde A Pobra. Esta sospeita, que non é máis que unha liña de investigación aberta, é consecuencia das infrutuosas batidas realizadas ao aire libre nas últimas semanas, nas que se peiteou varias zonas do Barbanza, entre elas, distintos espazos de Taragoña, como o entorno do seu porto. Nestas augas estivo a semana pasada un equipo de buzos do Instituto Armado, tentando atopar calquera rastro de Diana. Algo que non se conseguiu. Tamén soubemos que a Garda Civil está revisando de novo as gravacións das cámaras de seguridade viaria da Pobra e da Autovía do Barbanza, na procura dalgún elemento que se lles puidese pasar por alto nos anteriores visionados.