Conmoción en Ribeira tralo asasinato machista acontecido en Palmeira

RIBEIRA> Conmoción en Ribeira tralo asasinato machista acontecido a pasada tarde na pequena localidade de Palmeira. Andrea Yturry, de tan só 25 anos, foi acoitelada pola súa exparella quen despois tentou suicidarse. O presunto agresor contaba con antecedentes por violencia de xénero cunha parella anterior.

Foi neste baixo situado na rúa número 9 do Doutor Torres de Palmeira onde se produciron os feitos a pasada tarde. Cando a Policía chegou á vivenda, alertada por un familiar do presunto agresor ó que chamou para comunicarlle o que acababa de facer, atopou o corpo sen vida de Andrea, de tan 24 anos, con varias coiteladas no pescozo, o abdome e o tórax. Ó seu lado xacía o seu presunto agresor, Jhul Príncipe, tamén con varias feridas e en estado moi grave. Os servizos de emerxencia lograron reanimalo e estabilizalo para trasladalo ó Hospital Clínico de Santiago onde permanece na UCI baixo custodia policial e xa fóra de perigo.

O levantamento do cadáver da vítima producíase pasadas as nove da noite ante o estupor dos veciños desta pequena e tranquila localidade onde aínda non podían crer o acontecido. Esta mañá espertaban aínda conmocionados polo tráxico suceso que ninguén podía agardar posto que se trataba, din, dunha parella normal.

Aínda que estaban separados eran frecuentes as visitas do home ó domicilio posto que tiñan un fillo en común de dous anos. O presunto agresor contaba con antecedentes por violencia de xénero tras unha denuncia interposta por unha parella anterior.

De confirmarse que se trata dun caso de violencia de xénero, sería a primeira vítima mortal en Galicia en 2024. No que vai de ano foron asasinada en toda España 7 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas.