A campaña Merca no teu Comercio premia a fidelidade dos clientes da Pobra e Porto do Son

A POBRA> A praza do emigrante da Pobra foi escenario da entrega de premios Merca no teu comercio. Os agraciados nesta campaña desenvolvida tanto no concello pobrense como en Porto do Son, recolleron os seus vales por valor de 50 euros para consumir no comercio local.

A campaña Merca no teu comercio premia a fidelidade dos clientes en 70 concellos de toda Galicia. Dous deles foron os de Porto do Son e a Pobra, onde se desenvolveu a campaña durante a segunda quincena de xuño con máis de 3000 tickets rexistrados

Foron 20 os premiados de ámbolos dous municipios que recolleron a súa tarxeta prepago de 50 euros que poderán gastar no comercio local ata finais de ano.

Esta iniciativa, promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia e as Federacións Galega e Provincial de comercio, ten por obxectivo apoiar a  revitalización do sector en colaboración coas asociacións empresariais dos distintos concellos.