Visitamos o novo Centro de Día da Pobra

    POBRA> Esta fin de semana celebrouse o día das Persoas Maiores, unha xornada que busca rematar cos estereotipos do envellecemento e defende unha ancianidade digna. Coincidindo con esta homenaxe aos nosos maiores, quixemos visitar o recentemente inaugurado Centro de Día da Pobra, para descubrir con eles que a vellez tamén pode ser unha etapa enriquecedora e activa. 

    O Día das persoas de idade está dedicado a concienciar contra a discriminación dos maiores, chamando a atención sobre os estereotipos negativos arredor do envellecemento. E diso aquí, somos ben conscientes. O índice de envellecemento en Galicia, cuadriplicouse nas últimas catro décadas. Por cada 100 menores de 16, hai 188 persoas que superan os 65. No Barbanza, a pirámide demográfica non varía. As previsións do Instituto Galego de estatística indican que en 2024 un de cada tres veciños da comarca  terá máis de 65 anos. Por iso é cada vez máis importante garantir unha vellez cunha calidade de vida digna. Ese é un dos principios deste novo Centro de Día da Pobra. Abriu as súas porta hai 15 días, para facer realidade un servizo tan demandado como necesario: atender e coidar aos nosos maiores. Cando chegamos ao Centro atopamos aos usuarios en pleno circuíto de xerontoximnasia. É a hora de clase de memoria. Hoxe, toca froitas. Polos seus consellos, pola súa experiencia e sabedoría, por sacar adiante fillos, netos e bisnetos, e porque todos, se as cousas van ben, estaremos no seu lugar, debemos coidalos coma merecen.