O BNG analiza co sector pesqueiro da Pobra as principais necesidades da flota

A POBRA> O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo un encontro co sector do mar na Pobra. Abordáronse as distintas iniciativas presentadas polos nacionalistas na cámara baixa en beneficio do sector pesqueiro galego.

Foron moitos os temas abordados no encontro celebrado esta mañá no auditorio Valle-Inclán coa presenza do deputado no Congreson Néstor Rego , a parlamentaria autonómica Rosana Perez e a candidata á alcaldía da Pobra, Amparo Cerecedo xunto con representantes do sector pesqueiro.

Os responsables nacionalistas debullaron as numerosas iniciativas presentadas tanto a nivel autonómico como estatal nos últimos anos relacionadas co mar. No que atinxe exclusivamente á Pobra destaca a realización dun estudo de correntes para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros.

Entre as iniciativas debatidas no Congreso figura a demanda de axudas para asumir a suba dos carburantes, a reclamación do aumento das cotas pesqueiras ou a garantía do mantemento da actividade do complexo mar-industria na costa galega coa Lei de Cambio Climático.

Os nacionalistas destacaron tamén as emendas que conseguiron introducir na nova lei de Pesca como a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais da pesca e do marisqueo, o fomento de convenios colectivos que garantan mellores condicións laborais ou a a habilitación dun sistema que permita votar ós mariñeiros embarcados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí