Aínda non hai data para a campaña marisqueira de Ribeira

    RIBEIRA> A confraría de pescadores de Ribeira aínda non ten data fixada para a apertura da campaña marisqueira nas súas concesións. Todo apunta a que será a finais deste mes de outubro. O pósito está a espera dos resultados do libre marisqueo nas próximas semanas para tomar unha decisión definitiva.  

     

     

    Aínda non hai data prevista para a apertura da campaña marisqueira nas concesións da confraría ribeirense. O motivo, a apertura da campaña de libre marisqueo na Ría de Arousa hai varias semanas, na que están a traballar boa parte dos produtores do pósito, está a condicionar a toma dunha nova decisión. Todo dependerá dos resultados das próximas semanas, e se os rañeiros ribeirenses van defendendo ou non un xornal digno. Con todo dende a directiva da agrupación de mariscadores apuntan a que non se estenderá máis aló deste mes de outubro. Aínda así as previsións para a súa campaña non son tampouco demasiado optimistas, moi semellante á do ano anterior. Aínda que hai marisco, a súa talla aínda non é polo de agora comercial. Outro dos factores para xustificar o retraso na apertura da campaña é tratar de chegar co máximo marisco dispoñible ás vésperas do Nadal, época do ano na que aumenta considerablemente o seu prezo e as ganancias para os produtores son tamén maiores.