Medio Ambiente inviste 660 mil euros no abastecemento de Cespón e Abanqueiro

    BOIRO > O executivo boirés confía en que as obras de abastecemento de auga ás parroquias de Abanqueiro e Cespón poidan comezar axiña. A actuación, sufragada na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente, ascende a máis de 660 mil euros e será realizada pola empresa Indeza.

    No prazo dun ano, máis de dous mil veciños dos núcleos de Cespón e Abanqueiro contarán cun servizo da traída de auga en condicións. Deste xeito, porase fin ás frecuentes deficiencias rexistradas no abastecemento destas parroquias que contaba con infraestruturas obsoletas e insuficientes.

    As obras, que se iniciarán de xeito inminente, suporán un investimento total de 660 mil euros sufragadas integramente pola Consellerúa de Medio Ambiente. Polo momento, os técnicos da empresa encargada da actuación, Indeza, e mailo persoal da Deputación da Coruña e da Xunta xa se desprazaron ata a zona para realiza-la acta de replanteo.

    Con esta actuación, o tripartito segue na súa liña de proporcionar a tódolos cidadáns unha serie de servizos básicos con especial interese no eido rural.

    Redacción Barbanza