Unha nova polémica arbitral deixa ó Boiro sen os tres puntos

    BOIRO> Os boirenses, que dominaban por dous goles a cero a falla de media hora, acabaron empatando o encontro co Guijuelo, dous a dous. O Club Deportivo Boiro fixo méritos máis que suficientes para levarse a vitoria ante o Guijuelo, aínda que ó final acabaría empatando a dous tantos. O inicio do partido foi de claro dominio para os locais. Súas foron as primeiras ocasións claras do encontro. Nunha destas aproximacións á área do Guijuelo chegaría o primeiro tanto boirense. Sería de penalti despois dunhas mans dun defensa dentro da área. Pedro Beda encargaríase de transformalo, cun lanzamento seco ante o que nada puido facer o gardameta visitante. O tanto deu alas ó Boiro, que continuou tendo claras ocasións de gol para ampliar a súa renda. Aínda así co resultado de un a cero chegaríase ó descanso. O inicio da segunda metade máis do mesmo. Os boirenses, moi enchufados, dominaban claramente o partido. A entrada de Romay en substitución de Marcos Álvarez foi providencial. O coruñés, que levaba escasos segundos no campo rematou de cabeza un bo centro de Cano. Poñía o dous a cero no marcador. Á desesperada os visitantes fóronse arriba e nunha desas chegaría a xogada polémica moi protestada dende a bancada. O arbitro asubiou penalti na área boirense por unha entrada de Gonzalo. A pena máxima foi transformada por Pino. Poñía o dous a un no marcador. Corría o minuto 80 de partido. A decisión arbitral e o conseguinte gol cambiaron o sino do partido. Os boirenses viñéronse abaixo, momento que aproveitou o Guijuelo para conseguir o dous a dous definitivo por mediación de RaúlRuíz. A celebración deste, nun claro desafío á afección local, converteu o encontro nunha auténtica batalla campal, con agresións entre os propios xogadores e tamén algún que outro incidente con afeccionados, o que provocou que tiveran que intervir as forzas da orde. Ó final do partido á saída do trío arbitral tamén se viviron momentos de enorme tensión.