‘Little Town Shop’ ofrecerá os servizos de ‘+Recadiños’ en Boiro

BOIRO> O éxito acadado por Máis Recadiños, a empresa rianxeira de servizos a domicilio creada durante o confinamento, propiciou a súa extensión a outros concellos. A través da aplicación ‘Little Town Shop’ xa está dispoñible para tódalas empresas de Boiro interesadas no reparto a domicilio.

Tras detectar unha cada vez maior necesidade no comercio local de contar cun servizo de reparto, o creador da APP ‘Little Town Shop’ que operaba en Boiro vén de establecer unha alianza coa empresa Máis Recadiños que realiza todo tipo de servizos a domicilio.

As empresas boirenses interesadas non teñen máis que rexistrarse para disfrutar do amplo abano de servizos que ofrece a empresa Máis Recadiños dende comida a domicilio ata acompañamento en hospitais.

Polo momento, o servizo xa funciona en Boiro e Rianxo pero ten vocación de expandirse a outros concellos dada a crecente demanda deste tipo de actividades, especialmente nos tempos que corren.