Clase maxistral no Leliadoura na defensa dos dereitos humanos

    RIBEIRA> O fotoxornalista exipcio, Ahmed Ali, acollido en España por Amnistía Internacional, visitou esta mañá ós alumnos do instituto Leliadoura de Ribeira. Na súa charla este defensor dos dereitos humanos quixo achegar ós rapaces a realidade exipcia actual, a situación política e a súa historia persoal.

     

    Ahmed Alí ten 24 anos, é exipcio, e traballaba no seu país como fotoxornalista. Por facer o seu traballo, no ano 2015 condenárono a 25 anos de prisión nun xuizo no que non estivo presente. Foi entón cando fuxiu do seu país. Os defensores dos dereitos humanos, a mocidade e os xornalistas son os colectivos máis perseguidos pole réxime actual de Abdel Fatttah al-Sisi. Ahmed é unha testemuña de excepción da represión exercida polo actual goberno contra a poboación exipcia. Esa é a realidade, que quixo transmitir a estes alumnos de bacharelato e Formación Profesional. Unha realidade que por moito que vexamos a través da pantalla do televisor, non podemos chegar a imaxinar. De ahí a importancia do testemuña de Ahmed, en primeira persoa. Aínda que o panorama en Exipto continúa sendo negro, desde Amnistía Internacional quixeron transmitir ós alumnos que a presión internacional funciona. Por iso Ahmed animou a que nos mobilicemos contra esas condenas de morte a rapaces e rapazas que loitan por defender os dereitos humanos. Porque desde aquí, ademais de escoitar, tamén podemos axudar.