Boiro continúa como referente da Economía Creativa

    BOIRO> 15 empresas de Boiro a participan no proxecto do Concello de Boiro “Economía Creativa”. Unha iniciativa que co apoio do concello achegará á mocidade da zona, nos centros de ensino, que os sectores da cultura e de creatividade conforman tamén unha boa posibilidade de negocio. 

     

     

    Que o concello de Boiro é un espazo creativo non é ningunha novidade. Nos últimos anos son continuos os proxectos, as actividades e as iniciativas empresariais vinculadas ós sectores das industrias creativas, o turismo cultural, o deseño e a arte. Así o demostran Iniciativas como Pecha Kucha, que leva cinco anos presentando proxectos innovadores de economía creativa. Detrás destas ideas están as persoas, nomes propios de boirenses que un día decidiron facer do seu soño a súa forma de vida. Damián ou María son só dous deles. Esta mañá xunto con outros catro emprendedores boirenses, representando ás 15 empresas que forman a república creativa do concello, presentaron o novo proxecto de Economía Creativa no que xa se está a traballar. Consiste no Mentoring, trasladar a súa experiencia ós mozos que nestes momentos están a deseñar o seu futuro, os estudantes. A través de visitas dos emprendedores ós centros de ensino, pero tamén visitas dos estudantes ós seus locais. Esta semana estiveron en Serarte. Un sector, o cultural, que cada vez crea na comarca máis postos de traballo. O proxecto, que conta coa axuda da Federación Galega de Municipios e Provincias, está apoiado polo concello de Boiro, que cre firmemente en que a creatividade tamén ten saída como negocio. A próxima actividade desta Economía Creativa é mañá mesmo, un encontro dirixido polo experto en xestión cultural, Diego Pajaró, que explorará novas liñas de colaboración para fortalecer o sector.