Recomendacións para as compras de Nadal

    BOIRO > O departamento de Consumo de Boiro vén de poñer en marcha unha campaña para asesorar ós cidadáns á hora de realiza-las súas compras de Nadal. Este luns xa se comezaron a repartir uns folletos informativos con recomendacións sobre a calidade dos produtos alimenticios e as normas de seguridade que deben cumprir os xoguetes e demais material dirixido ós nenos.

    Coa chegada do Nadal, as compras en tódalas casas vense incrementadas tanto no referido a alimentos, coma xoguetes e demais agasallos. Por este motivo, a Escola de Consumo do Concello de Boiro vén de poñer en marcha unha campaña orientativa para realizar boas compras durante estas datas.

    No referido ós xoguetes é de gran importancia comprobar que están adaptados á idade dos rapaces e cumpren os requisitos de seguridade, garantidos polo distintivo CE. Así mesmo, ademais do seu carácter lúdico, os xogos deben ter un compoñente educativo que fomente valores entre os máis pequenos.

    E á hora de face-la cesta de Nadal, os consumidores deben demandar a información necesaria sobre os alimentos que vaian a mercar. Neste sentido, debe prestarse atención ás datas de envasado e caducidade e preguntar sempre se os produtos refrixerados foron conxelados previamente.

    As recomendacións con carácter xeral invitan a buscar e comparar ofertas, mercar en establecementos próximos posto que facilita o proceso de cambio ou devolución e conservar sempre o tiquet de compra.

    Redacción Barbanza