Expertos analizan en Pontevedra os aproveitamentos da biomasa forestal

    Destacar a biomasa forestal como un recurso importante de enerxía. Arredor desta mensaxe versarán as diferentes conferencias no Segundo Simposium Forestalia. Varios expertos en materia forestal e ambiental aportarán ata mañá diversas experiencias neste eido.

    A Consellería do Medio Rural avoga por profundizar no aproveitamento enerxético da biomasa forestal. Así o sinalou esta mañá o director Xeral de Montes, Alberto Blanco, durante a inauguración do segundo Simposium Forestalia. As xornadas desenvólvense ata mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra e reúnen a un bo número de expertos e alumnos que reflexionarán sobre as ventaxas medioambientais e enerxéticas da biomasa.

    Esta primeira xornada estivo dirixida por Luis Ortiz, catedrático e director da Escola Universitaria de Forestais de Pontevedra. Destacou que actualmente en Europa o aproveitamento da biomasa forestal en Europa representa un 3,5 por cento de toda a enerxía que consume. Lembrou que en Galicia hai varias industrias que aproveitan os residuos forestais para xerar vapor ou electricidade, como é o caso de Ence. Trátase dun recurso con moitas ventaxas.

    Os asistentes ó simposium tamén puderon coñecer os resultados das experiencias realizadas en Galicia sobre o aproveitamento de biomasa forestal. Fernando Sanz, xefe de Área de Innovación e Tecnoloxía do CIS-Madeira, explicou o proxecto realizado por este centro en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago. A principal conclusión é a necesidade de apostar polo cooperativismo para mellorar o aproveitamento dos montes galegos.

    Redacción Salnés