A evolución da marea vermella será un dos temas abordados no ‘Informar’ desta semana

    BARBANZA> No programa tamén se tratarán outras novas de interese da actualidade do mundo do mar, entre elas os asuntos do último pleno do Consello Galego de Pesca. O ‘Informar’ de hoxe abordará diferentes temas da actualidade do mundo do mar que foron noticia ó longo desta semana. Así analizaremos a evolución da marea vermella nos últimos días, que afecta con maior virulencia á ría de Muros-Noia, onde mantén aínda pechados a totalidade dos polígonos de bateas e principais zonas marisqueiras. Tamén falaremos do último pleno do Consello Galego de Pesca no que se tratou a posible revisión do principio de estabilidade relativa ó reparto de TACs e cotas de pesca despois de que Reino Unido votara a favor da súa saída da Unión Europea e no que se falou tamén do mantemento dos actuais coeficientes redutores na flota de altura e gran altura. Outro dos temas nos que se afondará no ‘Informar’ desta semana será a visita realizada pola conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, a Cambados, ás instalacións da conserveira Cermar, no polígono de Sete Pías. Tamén falaremos do proceso de esviscerado da vieira, unha vez aberta a campaña desta especie e das obras que a consellería do Mar, a través do ente Portos de Galicia, acomete nos peiraos de Rianxo e Pontecesures, coa finalidade de mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade nestes dous portos autonómicos. Estes serán algúns dos temas, pero non os únicos, que trataremos no Informar de hoxe, como cada xoves, ás 22:45, en Canal Rías Baixas.