A flota do libre confía en volver a faenar sen restricións ó longo desta semana

AROUSA> Rañeiros da Ría e a Consellería do Mar mantiveron unha xuntanza para buscar unha solución ás novas restricións aplicadas ó Libre Marisqueo. Tras achegar posturas, semella que a Xunta autorizará novamente ó longo desta semana a extración de ameixa fina e babosa en tódolos bancos da ría.

A prohibición de extraer ameixa fina e babosa dos principais bancos de libre marisqueo en Arousa ten os días contados. Semella que a xuntanza entre Rañeiros da Ría e a Consellería do Mar foi do máis frutífera e conseguiu solucionar os problemas de falla de coordinación que o pasado venres levaban á administración autonómica a tomar esta decisión.

Dende Rañeiros agardan que ó longo desta semana a Consellería dea o visto bo a esta proposta que inclúe unha baixada nos topes da babosa e na fina e a suba da xapónica.

Mentres tanto, insisten nas importantes perdas que esta situación está a provocar ó sector ó que, sen poder capturar estas dúas especies, non lles compensa sequera saír a faenar.