MUROS-NOIA/BARBANZA> Os últimos controis realizados confirman unha presenza elevada de toxina. As previsións do pósito noiés non se cumpriron, e a marea vermella continúa a afectar á ría de Muros-Noia. Os últimos controis realizados, tanto polo Intecmar como pola propia Confraría, confirmaron a mala nova, cunha presenza elevada de toxina en toda a Ría. A situación afecta á totalidade dos polígonos de bateas e tamén as concesións marisqueiras que continúan sen poder desenvolver o seu traballo co conseguinte prexuízo económico que isto acarrea. As previsións non son demasiado boas xa que os niveis da toxina lipofílica son aínda altos. Mañá está previsto a realización dunha nova análise que lle será remitida ó Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño. De resultar negativa, conlevaría a realización dunha segunda proba a vindeira semana, que sería xa definitiva para a volta da actividade. A toxina vaise extendendo tamén por outras rías, como é o caso da de Arousa, que xa veu afectadas as zonas un e dous, as máis exteriores, e onde obrigou tamén nalgún caso ó cese da actividade como acontece co pósito de Aguiño, que tamén acumula varias xornadas de paro. A gravidade deste episodio toxicolóxico é bastante preocupante para o sector, xa que se dá nunha época do ano de gran traballo, cando as fabricas conserveiras e as depuradoras apuran a compra de marisco. Existindo o temor a que a marea vermella se vaia estendendo a máis zonas e sobre todo prolongando no tempo, dado a súa proximidade ó Nadal.
Inicio Barbanza - Muros - Noia