PORTO DO SON> Consternación en Porto do Son polo falecemento do edil Manel Deán. Responsable na actualidade das áreas de Portavocía, Réxime Interior e Persoal e Administración. Tiña 59 anos.
Manel Deán falecía esta mañá de xeito repentino deixando un gran baleiro no concello de Porto do Son. Dende que se coñeceu a tráxica nova, non deixaron de sucederse mostras de cariño a través das redes cara a súa familia, amigos e compañeiros.
Formaba parte da corporación municipal dende o ano 2011, primeiro nas filas de Alternativa Veciñal de Porto do Son, para posteriormente integrarse no Partido Popular. Durante estes anos foi un dos pesos pesados do grupo de goberno, axudando ós populares a revalidar as maiorías absolutas de 2015, 2019 e 2023.
Foi edil de Cultura, Turismo ou Medio Ambiente, entre outros, destacando o seu traballo na promoción turística do municipio, dándolle un pulo importante a eventos hoxe consolidados como é o caso da Feira celta ou a carreia Sin-Son 10k.
Os seus restos mortais están a ser velados no tanatorio municipal. O seu funeral será mañá xoves ás catro e media da tarde na igrexa de San Sadurniño de Goiáns. Descanse en Paz!











