POBRA> O grupo municipal do BNG na Pobra pide ó goberno municipal comezar de inmediato os trámites para nomear ó escritor Anxo Rei Ballesteros fillo adoptivo da Pobra, así como poñer o seu nome a unha rúa do concello.
Foi xa no pleno do pasado mes de abril cando se debateu e se aprobou a moción do BNG pobrense respecto do recoñecemento institucional á figura de Anxo Rei Ballesteros, escritor que residiu boa parte da súa vida neste municipio barbanzán. Unha petición que a agrupación nacionalista presentara xa no ano 2009, ó ano seguinte da defunción de Ballesteros. O Bng critica que desde entón non hai constancia de que se estea a dar ningún paso nesta dirección. Ante a inacción á que acusan ó goberno local, o BNG presentará no pleno de novembro unha nova moción esixindo que o expediente se leve a término antes de xaneiro. Mentres tanto, os nacionalistas anunciaron que a próxima semana o BNG da Pobra vai realizar varias actividades na honra do recoñecido escritor.