A POBRA> O presidente da Deputación da Coruña sitúa a Congalsa como referente da industria alimentaria en toda Galicia. Así o manifestou Valentín González Formoso na visita realizada á factoría emprazada no polígono da Tomada na Pobra na que tivo ocasión de coñecer as instalacións da planta e os plans de futuro da compañía.
O presidente da Deputación da Coruña realizou a súa primeira visita oficial ás instalacións de Congalsa na Pobra. Trátase dunha visita moi agardada posto que tivo que ser adiada anteriormente por problemas de axenda.
O máximo responsable da administración provincial e o presidente da Corporación Empresarial Congalsa aproveitaron a xuntanza para analizar a actual situación da firma, os plans de investimentos e crecemento a medio e longo prazo así como as súas principais necesidades co fin de seguir manténdose como un referente da industria transformadora de produtos do mar.
O encontro rematou cunha visita a planta para coñecer as distintas liñas de produción e a sinatura no libro de honra por parte do presidente provincial quen recibiu ademais un agasallo en forma de dorna por parte da empresa como lembranza da visita.











