Mar propón a flexibilización dos descartes entre zonas e especies

MADRID> A Conselleira do Mar participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado  en Madrid.

Nesta reunión, previa ó Consello de Ministros europeos de Pesca, que se celebrará a vindeira semana en Bruxelas, Galicia volveu defender a flexibilización entre especies e zonas ante a eliminación dos descartes que entrará en vigor a partir do próximo ano. A proposta do goberno galego inclúe a creación dunha bolsa que poidan utilizar tódolos estados membros para evitar que as especies accesoria esgoten as posibilidades de pesca da flota.

Ademais da entrada en vigor da obriga de desembarques de capturas, a negociación dos TAC para 2019 ten dobre importancia xa que é o último ano para acadar o Rendemento Máximo Sustentable, é dicir,  o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock.

Durante a súa intervención, Rosa Quintana destacou que a proposta europea para as posibilidades de pesca é mellor ca do ano pasado. Aínda así, quedan aspectos por matizar que se itnentarán suavizar durante o Consello de Ministros. Entre eles, a proposta de redución nun catorce por cento da pescada sur. Galicia suxire que se comece a aplicar xa o plan plurianual para a xestión da pesquería da pescada. En canto á rebaixa dun vinte por cento para a xarda, a Consellería demanda unha maior flexibilidade de intercambio entre estados para paliar esta redución.