A IX edición do Culturgal xa quenta motores

Pontevedra> Dende o 2 ao 4 de decembro o Pazo da Cultura acollerá a novena edición do CULTURGAL. Unha feira que contará con máis de 80 profesionais das industrias culturais galegas e con 150 actividades. Este ano haberá tres espectáculos especiais, o central será o sábado 3 as nove e media da noite e terá como protagonista a Xosé Manuel Budiño. 

 

A novena edición do Culturgal xa quenta motores. Os días 2,3 e 4 de decembro o Pazo da Cultural de Pontevedra acollerá esta cita coas industrias culturais galegas que este ano leva como lema Cultura, comunidade e futuro. Un evento que contará con 101 stands, 81 empresas e 150 actividades espalladas nos tres días de celebración desta cita cultural. 

Unha cita que este ano contará con tres espectáculos especiais que terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura. O venres 2 coa actuación de SonDeSeu, as nove e media da noite, que contará con convidados especiais con Rosa Cedrón e co Orfeón de Treixadura. O sábado as nove e media tamén no Auditorio o gran espectáculo desta edición chegará da man de Xosé Manuel Budiño. 

Budiño, que estivo esta mañá na presentación, dixo que é un auténtico luxo contar cunha cita cultural destas características. 

O domingo o concerto especial irá destinado para os máis pequenos coa presentación do novo traballo de María Fumaça. Haberá actividades para todos os gustos e para todas as idades, dende a organización de Culturgal quixeron lembrar que tamén contarán un ano máis cunha zona infantil e con espectáculos e actividades para eles. Xunta, deputación e concello quixeron destacar a importante colaboración existente entre as tres administracións de cara a esta cita, onde Pontevedra volverá a estar moi presente. 

Un evento que contará con prezos máis que asequibles, 2 euros adulto, un euro entrada infantil e tamén hai a opción do bono de fin de semana que sería 3 euros adulto e 2 euros infantil. O prezo das entradas para os espectáculos especiais son de 10 euros para SonDeSeu, 14 para Budiño e 6 para María Fumaça. 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/11novembro/17/culturgal_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/11novembro/17/culturgal.mp4{/flowplayer}