PONTEVEDRA> Rouban unha furgoneta dunha ONG e a incendian posteriormente nas inmediacións do Vao. Os feitos producíronse na madrugada do martes. Uns veciños alertaron á Policía Nacional ao ver como estaba sendo calcinado o vehículo. Dende a asociación Boa Vida chaman agora á colaboración cidadá para poder repoñer o seu transporte canto antes.
Esta asociación traballa diariamente para axudar ás persoas e familias en risco de exclusión social. Sen embargo, agora son eles os que precisan de axuda. O motivo, o roubo e posterior destrución deste vehículo. Os feitos producíronse na madrugada do martes, cando uns ladróns roubaron a furgoneta desta ONG para, a continuación, calcinala nas inmediacións do Vao.
Esta furgoneta era a súa principal ferramenta de traballo. Por iso, dende a asociación Boa Vida precisan da colaboración cidadá para repoñer o seu vehículo canto antes.
E mentres a Policía Nacional está a investigar os feitos, os membros desta asociación intentan tamén buscar unha explicación a todo o acontecido.
Ademais da campaña de recollida que xa está dispoñible na páxina web boavida.org, todos os que queiran axudar a este colectivo poden tamén achegarse ata a súa tenda solidaria, situada na Rúa Santa Clara de Pontevedra, ou mesmo ata este almacén.