Rías Baixas afiánzase en exportación e aumenta os litros cualificados en 2014

PONTEVEDRA> A Denominación de Orixe Rías Baixas segue a aumentar as súas cifras de negocio en exportación e pecha o 2014 con máis de sete millóns de botellas vendidas nos cinco continentes. O mercado exterior representa xa o 28 por cento das vendas da DO. Malia que o volume de viño vendido no exterior descendeu algo máis do un por cento, medrou o seu valor nun 1.07%, o que amosa, segundo o Consello Regulador, ‘o posicionamento que a marca Rías Baixas está a acadar nos principais países nos que exporta’. Estados Unidos segue á cabeza como principal destino de exportación para a Denominación, acaparando o 83,43% do total de vendas no exterior. Séguelle Reino Unido, con máis de setecentos mil litros e dous destinos que aumentaron as súas compras de Rías Baixas no pasado ano: Alemaña, cun incremento do 14,67 por cento, e Holanda, que medrou case un oitenta por cento. Ademais desta boa marcha das exportacións, a Denominación tamén aumentou no 2014 o número de litros cualificados: ascenderon un 12% con respecto a 2013, o que deixa o total ó peche do exercicio en 19.390.727 litros.