BARBANZA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou hoxe as forzas e corpos de seguridade do Estado e o Servizo de Gardacostas de Galicia polo seu labor na loita contra do furtivismo. Importante pau ó furtivismo en Arousa coa detención e posterior posta en liberdade con cargos dunhas dez persoas, todas elas relacionadas coa compra-venda de marisco ilegal. O operativo levado a cabo de xeito conxunto pola Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas de Galicia permitiu o comiso de máis de cen quilos de ameixa. A maioría dos implicados son veciños de Boiro. Deste municipio é de onde ó parecer procedía o marisco recollido de xeito ilegal. As detencións foron realizadas en Carril, lugar ó que supostamente acudían os furtivos a deixar o marisco. Precisamente na trama aparece involucrada a presidenta das mariscadoras de Carril. Na súa vivenda os axentes realizaron varios rexistros. Segundo fontes da propia investigación ela era ó parecer a encargada de adquirir a ameixa ilegal, para posteriormente introducila nas canles legais de distribución a través da propia lonxa. Esta mañá na lonxa de Carril reinaba o mutismo. O patrón maior, José Luís Villanueva, desaparecido. Ninguén quería falar do acontecido. A actividade parecía do máis normal, coma o dun día calquera de traballo. Aínda así a operación, que instrúe o Xulgado Número 1 de Ribeira, segue aberta e non se descarta a realización de máis detencións nos próximos días.
Inicio Barbanza - Muros - Noia